Sunday 05 de May de 2024

A Xunta creará unha rede de información provincial para que os concellos poidan coñecer con anticipación os futuros proxectos eólicos


Conde apunta que o obxectivo é que as administracións locais coñezan as características de cada proxecto sen prexuízo das alegacións que este organismo, así como calquera outra persoa ou entidade da zona, poida presentar no trámite de exposición pública ordinario

Explica que, a través das xefaturas territoriais da Xunta de Galicia, se porá á disposición dos concellos toda a información dispoñible do proxecto xunto co estudo de impacto ambiental

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta vai crear unha Rede de información provincial para que os concellos poidan coñecer os futuros proxectos eólicos que se vaian desenvolver na Comunidade antes de iniciar a súa tramitación. Trátase dunha medida coa que o Goberno galego quere ofrecer a máxima transparencia e colaboración ás administracións locais.

Conde explicou que esta rede de información provincial permitirá que, antes de proceder á preceptiva exposición pública dos proxectos priorizados, se poida dar información de primeira man aos concellos nos que se teñan previsto implantar. O obxectivo é que as administracións locais coñezan as súas características sen prexuízo das alegacións que este organismo, así como calquera outra persoa ou entidade da zona, poida presentar no trámite de exposición pública ordinario. Tal e como explicou, será a través das xefaturas territoriais da Xunta de Galicia onde se porá á disposición dos concellos toda a información dispoñible do proxecto xunto co estudo de impacto ambiental.

Así o avanzou nun encontro con alcaldes da provincia da Coruña para falar sobre a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia que, remarcou, promove un desenvolvemento “garantista e ordenado” do sector eólico na Comunidade porque exixe o cumprimento de todas as garantías ambientais e de impacto territorial. “Todos os proxectos que non estean dentro do Plan sectorial eólico non se poderán tramitar”, remarcou Conde, para engadir que “tampouco hai ningunha posibilidade dentro do marco normativo actual de desenvolver parques eólicos en Rede Natura”.

É por este motivo, dixo, que a Xunta está informando negativamente de todos aqueles parques eólicos que se están desenvolvendo fóra desas áreas establecidas polo Plan sectorial eólico de Galicia. No caso concreto da provincia da Coruña son seis proxectos que está a tramitar o Goberno central nos concellos de Lousame, Noia, Muros, As Somozas, Tordoia, Trazo e Val do Dubra: os parques eólicos de Cova da Vella, Cabazo, Gondre, Pedrabante, Tornado e Orzar, que suman 385,6MW.

O vicepresidente económico subliñou que o obxectivo desta nova normativa é achegar a máxima axilidade administrativa ás iniciativas que desde o punto de vista industrial e empresarial se vaian desenvolver en Galicia con todas as garantías e a máxima seguridade xurídica. Nese sentido, apuntou que a lei establece un prazo xeral de tres meses para emitir informes vinculados á Administración autonómica; aplica o silencio administrativo positivo; amplía os supostos de iniciativas empresariais prioritarias e proxectos industrias estratéxicos tendo en conta as propostas que sexan seleccionadas para optar aos fondos europeos; e recolle esta figura para os proxectos de xeración eléctrica a partir de renovables cando estean vencellados ao autoconsumo industrial.

De feito, segundo establece o novo texto normativo, os proxectos eólicos serán considerados iniciativas empresariais prioritarias cando se encadren nun destes tres casos: se xustifican un compromiso industrial asociado ao parque eólico que supoña a creación dun mínimo de 25 empregos; se teñen xustificada a totalidade dos compromisos industriais (emprego e investimentos) derivados da Orde de 29 de marzo de 2010, e cando xeren un volume de investimento superior aos 20 millóns de euros.

Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM)
Como outra das novidades da lei, Conde destacou o papel que lle outorga ás Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM), que se encargarán de avaliar os diferentes proxectos para dar máis axilidade á aprobación de licenzas mantendo as garantías xurídicas e técnicas e favorecendo a liberación de carga administrativa nas administracións locais. E, na mesma liña, apuntou que os concellos emprendedores van poder adherirse á plataforma dixital que a Xunta vai impulsar a través do Igape, que funcionará como xanela única para axudalos en todo o proceso de tramitación de novos proxectos empresariais. Actualmente Galicia conta con 143 Concellos Emprendedores dos que 37 pertencen á provincia da Coruña.